Os murais de Carballo falan francés

Abr 24, 2019 | Derrubando muros con pintura, Rexenera Fest |

Unha vez máis, os murais de Carballo vólvense internacionais. Neste caso, grazas a unha exposición fotográfica en Francia, na vila de L’Isle Jourdain, moi próxima a Toulousse, coa que o Concello carballés está hermanado desde hai xa 25 anos. Así, nestes días acaba de abrirse ao público unha mostra no Hôtel de Ville da localidade francesa na que aparecen as imaxes de 30 dos 66 murais do proxecto Derrubando muros con pintura.

30 dos 60 murais de Carballo están representados nunha exposición en L’Isle Jourdain

Inclúe 30 fotografías, un catálogo explicativo, cartelaría, o rueiro coa localización de todos os murais e un exemplar do libro Derrubando muros con pintura, que recolle un pouco a historia de cada unha das obras do museo ao aire libre de Carballo. Todo ese material poderá verse nos próximos meses tamén nos centros educativos de L’Isle e a partir do mes de xuño no famoso Museo das Campás da vila francesa.

25 anos de relación

A exposición forma parte do programa de actos culturais e de convivencia que organizou o Comité de Irmandamento entre Carballo e L’Isle Jourdain con motivo do 25 aniversario do momento no que decidiron unir os seus destinos. A relación non só se foi consolidando co paso do tempo, senón que foi calando entre a veciñanza dos dous concellos para crear verdadeiras relacións de amizade, das que duran toda a vida.

Os murais de Carballo, que cada vez están máis afeitos a cruzar fronteiras, supoñen un nexo de unión máis entre as dúas localidades e durante a visita dos veciños franceses a Galicia con motivo do 25 aniversario, moitos dos irmáns de L’Isle puideron admirar os murais en persoa. Pero os que non, teñen na mostra de fotos a mellor representación posible.

Abaixo na galería poden verse algunhas das imaxes que forman parte da exposición Derrubando Muros con pintura.

TLFNO: 981 702 077     MÓBIL: 698 156 402     MAIL: turismo@carballo.gal

Share This