REXENERA FEST
O RexeneraFest, o Festival Internacional de Arte Pública de Carballo, é o evento que dentro do proxecto xeral Derrubando muros con pintura, pretende reunir cada ano, durante unha semana na primavera, varios artistas do mellor da escena galega, estatal e internacional do mundo da arte urbana.
Durante a celebración do festival, os/as artistas convidados/as traballan de forma simultánea en diferentes localizacións da vila, ás que os veciños, as veciñas e as visitantes de Carballo poden achegarse e apreciar a habilidade e a destreza dos/as participantes e observar in situo proceso artístico de cada obra.
O RexeneraFest ofrece ademais outras actividades paralelas dirixidas ao público en xeral nas que poden participar de xeito activo e a custe cero. Estas son as masterclass impartidas por profesionais e un ciclo de conferencias, no que os/as artistas/as convidados/as comparten as súas experiencias e amosan a súa traxectoria e filosofía de traballo. Pero non todo é pintura neste festival, nel tamén se dá cabida á música máis vangardista do momento a través dun concerto. E como peche, na última xornada realízase un roteiro guiado polas intervencións feitas nesa mesma edición e nas anteriores.