O PROXECTO

Derrubando muros con pintura é unha iniciativa de arte pública promovida polo Concello de Carballo que, dende 2013, pretende mellorar e embelecer a faciana da nosa vila pintando paredes, muros, edificios e rexenerando espazos deteriorados. O noso municipio ten a fermosura dos vales fértiles de Bergantiños e do litoral da Costa da Morte, mais a súa capital, ao igual que moitas das cidades galegas, padeceu o crecemento desordenado que lle afectou aos nosos tecidos urbanos dende mediados dos anos sesenta. Así, con estas intervencións, Carballo converteuse nun museo ao aire libre con propostas artísticas moi variadas, que medran ano tras ano, e sorprenden nos paseos polas súas rúas ao atopar obras de artistas de todas as partes do mundo, case en cada esquina.

Formando parte do proxecto, ao longo dunha semana na primavera, desde 2015, celébrase o Rexenera Fest, un festival cheo de actividades no que se convidan artistas de renome internacional que crean as súas obras de gran formato.

Derrubando, ademais de embelecer as rúas, naceu cos propósitos de: proxectar unha imaxe positiva dentro e fóra de Carballo, afastada dos estereotipos pexorativos que se acostumaban asociar ao noso municipio; e consecuentemente, xerar nos e nas carballesas unha mellora na concepción do propio; e desde a perspectiva turística, crear un novo recurso que suscite riqueza na vila. Os primeiros pasos foron coordinados pola artista italiana Roberta Venanzi e a manchega Paula Fraile que comezaron co mural inaugural (O carballo) nunha medianeira dun vello edificio da rúa do Sol, unha das principais entradas á vila. Meses despois, un equipo de artistas locais uníase á andadura, que continúa ata o día de hoxe.

Na actualidade, Carballo leva “derrubadas” máis de medio centenar de superficies no seu núcleo urbano, o que propicia a chegada de visitantes curiosas ás que lles dá a benvida e acolle desde a súa faciana máis embelecida. Deste xeito, a capital bergantiñá posiciónase, con axuda doutras iniciativas, na vangardacontemporánea cunha oferta cultural moi competitiva e de calidade, sen nada que envexar a outras cidades de maior envergadura poboacional.

Con Derrubando muros con pintura, Carballo fíxose un oco no mapa da arte contemporánea urbana.

TLFNO: 981 702 077     MÓBIL: 698 156 402     MAIL: turismo@carballo.gal