A arte urbana e o teatro únense en Carballo
A cita cultural máis relevante do ano colabora co proxecto artístico máis importante da localidade para crear unha iniciativa conxunta
Este ano unímonos co XXXI FIOT, Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, para crear un proxecto que une á cita cultural máis relevante do ano en Carballo co proxecto artístico máis importante da vila para crear unha iniciativa conxunta. Así, durante a celebración do festival está a crearse un novo mural que pasará a formar parte da colección de Derrubando Muros con Pintura e que está moi preto do auditorio do Pazo da Cultura, núcleo neurálxico do FIOT. Trátase dunha obra en homenaxe á compañía Mofa e Befa, que cumpre 30 anos encima das táboas e que naceu case á vez que o festival de teatro, con tan só un ano de diferenza.
O artista encargado de levalo a cabo é un vello coñecido de Carballo, Yoseba MP, que xa pintou no Rexenera Fest 2017 o mural “Fina de Carballo: a muller nitromón”, un dos favoritos das persoas que nos visitan. Nesta ocasión, o mural está situado na rúa Barcelona, esquina coa rúa Tarragona e retrata a Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, integrantes da compañía. O mural está a xerar bastante expectación, xa que habitualmente, no outono, os guindastres e os pinceis non adoitan estar en marcha. Ademais do mural, a homenaxe a Mofa e Befa inclúe unha exposición e a estrea dunha nova proposta teatral durante o FIOT: o venres 7 e o sábado 8 de outubro. Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, protagonistas do mural, aínda non o viron con detemento, aínda que polas fotos, o primeiro comentou, chanceando, que el non é tan “cabezón”.
Antes de que termine o festival veremos o resultado, e os propios actores terán a oportunidade de ver a obra en persoa. Sinerxías culturais en Carballo!