Foto principal mural Morriña

Morriña

Rexenera 2016 – 2ª edición

O mural de Hyuro na fachada principal do Pazo da Cultura de Carballo leva por nome Morriña, ese termo tan intrinsecamente galego e dotado de tantos significados vencellados á terra, á orixe e á cultura propia. Como no resto dos seus traballos anteriores, a recoñecida artista arxentina xera un particular vínculo entre pintura e público, na procura do enfrontamento co espectador e convídao á reflexión mediante unha sutil e delicada linguaxe metafórica.
Hyuro emprega a rúa como espazo de investigación e continua reflexión, de liberación dos propios medos, conflitos e inquedanzas que mantemos con nós mesmos e co noso entorno. Pretende xerar esa unión entre a pintura e o público, espertando neste a curiosidade e reactivando o diálogo interno que mantemos co que somos e o lugar que ocupamos no mundo. Entre moitos dos temas tratados, destaca a figura da muller, non só dende a súa condición de xénero asignado dentro do mundo patriarcal, se non tamén como suxeito sometido a diferentes presións e sobrecargas impostas por este sistema capitalista. Desta maneira convida a tomar consciencia dos límites e as condicións polas que atravesa o noso corpo. Propón reflexións sobre a identidade tanto individual como colectiva, cuestionando a liberdade como as condicións dos dereitos fundamentais e inalienables da persoa.
Nesta composición, na que a figura dunha muller aparece postrada enriba dun manto nunha posición que semella estar chorando ou lamentándose, reflexiona sobre o paso do tempo e as súas consecuencias. Dende un punto de vista antropolóxico, a cultura é todo aquilo que non provén directamente da natureza. En base a esta reflexión, Hyuro utiliza este manto como metáfora visual da cultura (a galega en particular) e todas as tradicións e costumes que se perden coa evolución dos tempos modernos nos que vivimos e a morriña que desta perda se desprende nas persoas.
“Morriña é unha palabra da lingua galega que describe un sentimento de nostalxia que desde un punto de vista antropolóxico, nos aproxima á cultura como un provedor de todo o que non é un produto da natureza. Neste caso, a manta representa metaforicamente a cultura e todas esas tradicións e costumes que perden coa evolución dos tempos modernos”.

Foto mural Morriña, 2 de 9
Foto mural Morriña, 3 de 9
Foto mural Morriña, 4 de 9
Foto mural Morriña, 6 de 9
Foto mural Morriña, 7 de 9
Foto mural Morriña, 8 de 9
Foto mural Morriña, 9 de 9

TLFNO: 981 702 077     MÓBIL: 698 156 402     MAIL: turismo@carballo.gal

Share This