Xoana Almar, no Rexenera Fest

Xul 3, 2020 | Arte urbano, Rexenera Fest

A cooperativa Cestola na cachola volve ao festival da man desta ilustradora, pintora e graffiteira

Xoana Almar é unha das artistas convidadas ao Rexenera Fest 2020, que terá lugar entre o 16 e o 26 de xullo. Formouse como ilustradora, economista e antropóloga. Estudou en Granada e é alí onde comeza a traballar no campo da pintura a partir do 2008. No 2013 volve a Galicia e constitúe xunto a Miguel Peralta e Raquel Doallo a cooperativa Cestola na Cachola, onde exerce de muralista, pintora e ilustradora.

No seu traballo hai influencias de artistas clásicos/as da pintura galega e doutros actuais, especialmente relacionados co mundo da ilustración e do muralismo. A través dos seus personaxes, maioritariamente femininos, sobresae unha procura de formas sinxelas coas que tenta expresar unha personalidade ou historia de vida.

Cestola na cachola

Cestola na Cachola é un proxecto colectivo de autoemprego constituído por tres persoas que desexan gañarse a vida traballando no campo artístico a través do consumo consciente. Está formado por Xoana Almar, Miguel Peralta e Raquel Doallo. Os dous primeiros traballan facendo cadros, murais, ilustracións de contos, carteis… Combinan a creación invididual coa conxunta. Raquel Doallo traballa e milita no campo da economía social e solidaria e do consumo consciente.

Cestola na Cachola xa ten deixado a súa pegada en Carballo no Rexenera Fest 2015. Nömada (Miguel Peralta) pintou naquel entón omural A Pedra da Moura, unha homenaxe aomatriarcado, en concreto ás mulleres galegas.

TLFNO: 981 702 077     MÓBIL: 698 156 402     MAIL: turismo@carballo.gal

Share This