Unha ruta guiada virtual
Os murais de Derrubando muros con pintura estrean unha sinalización para facelos alcanzables a todos os visitantes da vila
Se che apetece ver de primeira man as obras de arte que inzan as nosas rúas e coñecer os seus segredos por ti mesmo, xa podes facelo nunha visita guiada virtual por todos os recunchos de Carballo! Só tes que animarte a dar un paseo e levar o teu móbil para vivir a experiencia de “Derrubando muros con pintura” e coñecer todos os detalles dos murais que embelecen a nosa vila.
Así, acabamos de sinalizar todos os murais de Derrubando muros con pintura e do Rexenera Fest para que Carballo sexa realmente un museo ao aire libre que está aberto as 24 horas e no que non hai que pagar entrada, con información accesible para calquera que queira saber máis.
En cada mural atoparás un panel informativo no que constan o título da obra, o autor, o ano de creación, unha numeración por orde cronolóxica de creación do mural e un Código QR con toda a información sobre a obra artística, incluíndo un texto explicativo e imaxes da obra. O obxectivo é que cada quen viva e goce das pinturas como e cando queira.
Así que, xa sabes. A un paso atoparás os murais que enchen de cor as rúas de Carballo. Descubre o noso museo ao aire libre!
A actuación está financiada a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia co obxectivo de consolidar a oferta turística a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxísitica.