Unha hora para descubrir Derrubando muros

Mar 29, 2019 | Derrubando muros con pintura, Rexenera Fest, Visitas guiadas

Se non tedes tempo para percorrer os 66 murais que están escondidos polas rúas de Carballo, propoñémosvos unha pequena pílula para descubrir a maxia de Derrubando muros con pintura. Se tes unha hora, xa podes facer a ruta!

Incluímos na andaina 14 obras que podes descubrir por ti mesmo a través dos paneis informativos que hai en cada mural. Podes atopar o título, o autor, o ano de creación, unha numeración por orde cronolóxica e un Código QR con toda a información sobre o traballo, incluíndo un texto explicativo e imaxes online. A ruta está ordenada seguindo un percorrido lóxico para que aproveites o tempo ao máximo.

Itinerario

Treito 1. Comezamos na Oficina de Turismo, na rúa Martín Herrera. Alí sempre podes pedir información, mapas ou mesmo axuda para facer o percorrido, así que é un bo punto de partida. Alí mesmo temos dous murais, o Músico de Eva Facal e A Eira das Meigas de Nana e Nada. Despois de velos, paseamos por diante da igrexa, baixamos pola rúa do mesmo nome e vemos un dos murais máis recentes, Sin titulo de Lula Goce, do Rexenera Fest 2018.

Treito 2. Cruzamos por enriba do río, seguimos a súa canle e metémonos por unha calella pola rúa San Martiño para subir unhas escaleiras e chegar á rúa Fomento, onde nos atopamos con A pena da moura de Nömada. Seguimos baixando pola rúa Fomento e viramos pola rúa Río para descubrir outra das obras recentes do Rexenera Fest 2018, a Artemisia Vulgaris de Doa.

Treito 3. De aí ímonos todo recto pola rúa Xirona e a rúa Pan para chegar ao Pazo da Cultura, xa que na súa contorna hai tres murais: Morriña de Hyuro; Visitando o consultorio de Curiot; y O lapis do graffiteiro de Sokram. Volvemos atrás pola rúa Pan até a Luís Calvo e dirixímonos cara á rúa Ponte. Polo camiño atopámonos coa fantasía infantil Elefante de Mon Lendoiro. E máis adiante, asomámonos á rúa Barcelona para ver o Home Carballo de Nove Nö3l.

Treito 4. Volvemos á rúa Luís Calvo e á dereita na rúa Ponte vemos á ninfa Ofelia, de Nana. Xiramos para subir até a rúa Poñente para ver a Tribu Humana de Jorit. Seguimos subindo e ao lonxe xa vemos o último mural do camiño, pero antes temos unha sorpresa na Avenida da Cristina, onde está semi escondida a Petra Mater do arxentino Bosoletti. E a ruta remata no principio con A orixe 2 de MOU na esquina entre a Avenida das Flores e a rúa Fábrica. Un mural que o autor realizou en dúas ocasións, porque o primeiro desapareceu ao derrubarse o edificio no que estaba.

E xa rematamos. Unha hora, ou un pouquiño máis se vos parades a ler a información e a historia de cada mural con detemento, para facer unha ruta polos murais de Carballo. Quen non ten unha horiña libre? Descubrídeos!

Mapa

Máis abaixo podedes consultar o mapa con todos os murais da ruta, así como unha galería con algunhas das obras que atoparedes polo camiño. A que apetece?

TLFNO: 981 702 077     MÓBIL: 698 156 402     MAIL: turismo@carballo.gal

Share This