Sokram volve a pintar en Carballo no Rexenera Fest
Este creativo multidisciplinar é ilustrador, muralista, curador de varios festivais de arte urbana e ademais músico
O Rexenera Fest 2020 (do 16 ao 26 de xullo) contará coa presenza do galego Sokram. É un creativo multidisciplinar; ilustración, muralismo e tamén a música centran a súa principal actividade, ademais da súa faceta como curador e organizador de varios festivais de arte urbana desde Mutante Creativo (o seu estudo). Algúns exemplos son DesOrdes Creativas ou o propio Rexenera Fest.
O seu traballo no espazo público varía en canto a mensaxe, contido e forma segundo o emprazamento, sempre coa intención de xogar coa contorna no que se sitúa a peza, aproveitando as formas da propia parede, obxecto ou edificio para realzar a composición final. O seu traballo visual posúe un forte compoñente social, crítico ou sarcástico nos seus discursos e destaca o seu gusto pola ironía e os dobres sentidos no tratamento dos temas escollidos.
Estilo con influencias do cómic e a ilustración
O seu particular estilo bebe do grafiti, o cómic underground americano, a ilustración Lowbro contemporánea e o deseño gráfico, mesturando unha liña firme e contundente con volume e elementos vectoriais que se sustentan baixo unha ampla gama cromática e rica en matices.
En Carballo xa deixou o seu sinal coa creación do mural “O lapis do grafitteiro” unha metáfora ao redor do mundo da creación artística que está situado nunha das paredes do Pazo da Cultura.
- Instagram de Sokram: https://www.instagram.com/sokram_desordes/
