Sabek, desde Madrid para o Rexenera Fest
O seu traballo pode atoparse en galerías de España, Francia ou Estados Unidos, así como en monumentais muros ao redor do mundo
Sabek (1985) é un artista español, que inicia e leva a cabo gran parte da súa carreira en Madrid e temos a sorte de que veña ao Rexenera Fest 2020 (do 16 ao 26 de xullo) para pintar un mural de gran formato en Carballo. Empeza na arte urbana intervindo nas rúas e lugares abandonados nos arredores de Madrid, onde desenvolve o seu particular estilo nos primeiros anos da década dos 2000. Co paso do tempo evoluciona cara á produción de obras máis figurativas e a experimentar con diferentes técnicas ademais do seu traballo na rúa.
O seu estilo recoñécese pola representación de formas e cores fortes que aluden á orixe natural, especialmente naqueles animais nobres e poderosos que infunden unha forte sensación de respecto. Unha mestura de sutileza e poder en perfecto equilibrio coas sombras e masas de cores planas que usados nun aspecto case simbólico, coexisten á perfección cos detalles máis refinados.
Ser humano e natureza
A súa obra expón unha reflexión en torno ao ser humano e á súa relación coa natureza, a representación animal mostra a alegoría entre o equilibrio natural e as enerxías nela implícitas mediante formas minimalistas vexetais e humanas.
O seu traballo pódese atopar en galerías de España, Francia ou EE.UU., así como en monumentais muros ao redor do mundo (EE.UU., Francia, España, Malaisia, Rusia ou Nova Zelandia).
- Web de Sabek: https://www.sabeknonsense.com/
- Instagram de Sabek: https://www.instagram.com/sabeknonsense/
