Preparádevos para o Rexenera Fest 2022!

Mai 19, 2022 | Arte urbano, Rexenera Fest

Artistas de Lituania, Países Baixos, Galicia, Euskadi e Cataluña encherán Carballo con pintura do 2 ao 13 de xuño: e este ano volven os concertos!

Volve o Rexenera Fest, e as predicións artísticas anuncian intensas choivas de cores do 2 ao 13 de xuño. Virán acompañadas dunha tormenta creativa e musical, e xa vos anticipamos que deixarán pegada na paisaxe urbana. Estamos a piques de vivir a oitava edición dun Festival Internacional de Arte Pública que xa se converteu nunha cita imprescindible no panorama da arte urban< de Galicia e do norte de España. Así que, se queredes gozar do proceso creativo dos artistas, vivir o ambiente que se respira durante eses doce días en Carballo ou gozar das actividades paralelas e visitas guiadas polos murais… Visitádenos!

As creadoras e creadores que visitan Carballo este ano proceden de Lituania, Países Baixos, Euskadi, Cataluña e Galicia:

  • Daan Botlek. Artista de rúa e ilustrador dos Países Baixos, internacionalmente coñecido polos seus estraños personaxes: figuras, xeralmente esquemáticas, que crea especificamente para cada parede e que a miúdo interactúan co espazo que as rodea, entrando e saíndo de dimensións invisibles e desprendéndose da pel no proceso. O seu estilo é único, e aínda que parecen simples, os seus debuxos son extremadamente complexos.
  • Udatxo é o nome artístico de Udane Juaristi, artista guipuzcoana que mestura pintura con colaxe e a técnica do transfer para crear un estilo propio, moi recoñecible. O carácter urbano é o eixo principal das súas obras; a rúa, a súa principal fonte de inspiración: a través das fotografías que vai sacando nos seus paseos polo mundo, crea esceas cheas de vida e cor.
  • Alba F. Sacristán, profesora de Arte en Barcelona, pintora e muralista, realiza obras de inspiración clásica. A análise da linguaxe e os conceptos da arte clásica están moi presentes nos seus murais, nos que reproduce unha pintura habitualmente figurativa, chea de forza e cor.
  • Marija Tiurina é a segunda representante internacional que teremos este ano no Rexenera Fest. A lituana virá a Carballo acompañada polos seus personaxes oníricos e cheos de cor para plasmar a súa paixón pola pintura e a arte.
  • Twee Muizen. A representación galega chega este ano en tándem. Twee Muizen, que en holandés significa “dous ratos”, son Denís Galocha e Cris Barrientos. El estudou Belas Artes e ela, Deseño de Moda, e despois do seu paso por Amsterdam trouxeron, ademais do nome, moitas ideas creativas. Plásmanas nos bonecos de Cris e nas pinturas de Denís. Afincados en Cataluña, pintaron o seu primeiro mural nunha sala de festas do Saviñao.
Cartel do Rexenera Fest 2022 no que participan 5 artistas

Todos os anos unha parte fundamental do festival son as ACTIVIDADES PARALELAS. Así que, ademais de pintar, Twee Muizen tamén dirixirán un Obradoiro de iniciación a o tufting gun, ou tapices con la, que se celebrará do 8 ao 10 de xuño . O prazo de inscrición  xa está aberto. Para participar só tes que enviar un correo electrónico anexando o teu portfolio a <actividades@rexenerafest.gal>.

Ademais deste taller, un ano máis haberá as rutas guiadas por todos os murais, xogos en familia e, o sábado 11, sesión vermú con Familia Caamagno e DJ Mil, que estará tamén na festa  de peche. Toda a info terala puntualmente nas redes sociais:

TODA A INFO POLO MIÚDO EN:

TLFNO: 981 702 077     MÓBIL: 698 156 402     MAIL: turismo@carballo.gal

Share This