O realismo no Rexenera Fest con Elisa Capdevila
Os murais figurativos e o mundo da infancia chegan ao festival de arte pública de Carballo con Elisa Capdevila
No Rexenera Fest 2020 (do 16 ao 26 de xullo) contaremos coa visión artística da catalana Elisa Capdevila. A súa carreira comeza en 2014 cando empeza a estudar pintura e debuxo na escola tradicional de Barcelona. Nese momento deixou inacabada unha carreira de Ciencias e meteuse de cabeza no proceso de aprender a debuxar. Durante dous anos estivo a pintar do natural durante unhas sete horas diarias.
Nesa época comeza a pintar os seus primeiros murais, ao principio como un simple exercicio onde o lenzo foi substituído por unha parede, pero co tempo deuse conta das súas posibilidades e decidiu enfocar o seu traballo en proxectos a unha maior escala.
Desde 2017 traballa activamente en festivais de arte urbana e realiza grandes murais a nivel nacional e internacional, sen deixar de lado o traballo de estudo en lenzo. En moitas das súas obras adoita plasmar fotografías do seu propio ámbito familiar nas que o mundo da infancia é, a miúdo, o protagonista.
- Web de Elisa Capdevila: https://www.elisacapdevila.com/
- Instagram de Elisa Capdevila: https://www.instagram.com/elisacapdevila/