Trasherpillar
- Bordalo II (Bordalo II )
A peza forma parte da súa serie “Big trash animals” na que o artista portugués representa a nai natureza por medio dos seus animais de lixo, construídos precisamente con todo aquilo que a destrúen: os refugallos. A obra reflicte de xeito implícito os nocivos vicios desta sociedade consumista e convida á reflexión sobre a deriva de crecemento exponencial que vive o planeta.
Trasherpillar intégrase por completo coa contorna que o rodea, xa que amosa un intencionado xogo de cores verdes que se funde coa gama cromática do edificio. Tamén xoga habilmente co espazo intermedio entre as dúas paredes para acadar unha maior sensación do efecto 3D que xa ten este mural en alto relevo. Este xogo de cores e volume convértena nunha peza por completo integrada coa contorna a pesar do seu aspecto “extraterrestre”, pero tamén unha crítica á sociedade de consumo e o monte exponencial de lixo que xera sen parar.