Terra e mar
- Xoana Almar (Xoana Almar)
Xoana déixanos unha peza que versa sobre “Terra e Mar”. Como habitualmente na súa obra, realiza unha homenaxe ás mulleres traballadoras de Galicia, neste caso a forza da unión e da conciencia de clase. O mural amósanos unha imaxe de dúas mulleres enfrontadas unindo as súas mans: unha representa o traballo da mar a través dunha rede de pesca e a outra os labores das terras mediante a fouce. A obra posúe unha potencia icónica ao crear figuras sintéticas provistas dunha firme liña e masas de cor amplas, que adquire certa similitude con algúns autores da ilustración galega de metade do século vinte.
A pesar do sintético e a sinxeleza, o conxunto posúe unha gran organicidade polo tratamento das texturas presentes en todo o mural, que poden lembrar aos acabados do gravado, todo iso reforzado polo contraste e o simbolismo entre as gamas frías da figura da esquerda e os cálidos da dereita. O mural está situado na Rúa Salgueiros, nº 5.