Sen título – Pichiavo
- PichiAvo (Pichi Avo)
Neste gran mural, PichiAvo deixáronnos unha colorida e impactante obra, a de maior tamaño dos feito en Carballo. No seu estilo característico, este dúo de artistas valenciás mesturan a arte máis moderna e a máis clásica, relacionando arquitectura, escultura, espazo, pintura.
O fondo está cheo de graffitis de colores moi rechamantes, feitas a spray con letras debuxadas en formatos variados, que parecen embarullados, desorganizados, uns enriba dos outros e que deixa libre o terzo superior da parede. Nestes graffitis poderás atopar palabras ou tags que fan referencia a elementos característicos da nosa terra como… grelos. Sobre esta explosión de cor e desorde, superponse con distintos graos de transparencia unha gran figura branca dunha escultura típica da cultura clásica greco-latina, feita con gran realismo e detalle. Representa a un guerreiro que está mirando cara o ceo cunha expresión de dor e incredulidade, có casco e as frechas ás costas típicas da Grecia clásica. Unha escena que recorda ás representacións do heroe de Troia, Aquiles, cando é ferido de morte por unha frecha no seu talón, un loitador sempre vitorioso que ata ese momento considerábase inmortal e invencible.