Foto principal mural Os veciños

Os Veciños 1

Rexenera Fest 2017 – 3ª edición

Co aparentemente simple acto da miniaturización e un emprazamento estudiado e suxestivo, Isaac Cordal amplía maxicamente a imaxinación dos peóns que se atopan coas súas esculturas pola rúa. A serie titulada “Eclipses de Cemento” é unha definición crítica do noso comportamento como masa social. A través desta serie de traballos pretende focalizar a nosa atención sobre a desvalorizada relación coa natureza a través dunha mirada crítica e sarcástica, que apunta aos efectos colaterais da nosa evolución como especie.
As súas esculturas, que normalmente non superan os 25 cm, colócanse en lugares específicos que abren rapidamente portas a outros mundos, como xa fixera nos anos 70 o estadounidense Charles Simonds por medio das súas Dwellings (Moradas), pequenos vestixios de falsas civilizacións en miniatura integradas na arquitectura dos edificios a pé de rúa.
A obra de Cordal contrasta coa magnificiencia do gran mural e, dende a miniaturización, conmóvenos e transmítenos a soidade do individuo sumerxido no entorno urban e a capacidade dos grandes núcleos de poboación para devorar a diferenza, para homoxeneizar costumes e ritos e para alimentar a ruína lenta do desarraigo. Aínda que nos doa, e por desgraza, tódalas grandes urbes se asemellan e o singular e o autóctono quedan relegados ao pequeno.
Nesta ocasión Cordal rachou coa súa serie de miniaturizacións xerada con Cement Eclipses e creou para o festival da terceira edición do Rexenera outra serie de tres personaxes a unha escala maior, case humana, que estratexicamente emprazados nuns balcóns sen portas nin fiestras, aparecen no seo da cidade como ánimas en pena, sumerxidas no aillamento do edificio e da urbe, e aturando estoicamente o peso da deshumanización existencial do urbano.
Así a instalación que deixa para o RexeneraFest 2017 titulada “Os veciños”, realizada en tempo record insitu e exproceso durante os días do festival a base de porespan, resinas, e outros materiais, contáxianos esta chea de sentimentos ao redor do espazo en común, da cidade contemporánea e da alienación á que estamos suxeitos como colectividade, repartida en dúas ubicacións da vila.

Foto mural Os veciños 1, 2 de 9
Foto mural Os veciños 1, 3 de 9
Foto mural Os veciños 1, 4 de 9
Foto mural Os veciños 1, 5 de 9
Foto mural Os veciños 1, 6 de 9
Foto mural Os veciños 1, 7 de 9
Foto mural Os veciños 1, 9 de 9

TLFNO: 981 702 077     MÓBIL: 698 156 402     MAIL: turismo@carballo.gal

Share This