O paraíso de Eva
- Alita (Alejandra Martínez)
O mural de Alejandra Martínez “Alita”, foi realizado seguindo a historia da creación do mundo en 7 días, marcada pola Biblia pero baixo unha visión persoal e subxectiva da artista local.
1º día: AMOR. Vermello. Xorden corazóns e aparece a presencia dunha deusa. Simboliza a filosofía do amor universal coma a orixe do todo. Concepto feminino de creación.
2º día: CEO/TERRA. Verde. Separación do ceo e da terra, cal ying e yang. Comeza a brotar a natureza regada por un ceo gris, na que esta vexetación irá madurando cuns lunares negros e no que o amor esparexido brota en forma de flores.
3º día: AUGA. Azul. Despois de tanta choiva, orballo e forza dun ceo gris carballés, visualízase dende o horizonte, un río que será bautizado, bendicido por esa auga poderosa, coma río Anllóns.
4º día: ÁRBORE DA VIDA. Amarelo. O ser místico do río dálle de beber a una semente e a base de forza, medra un fermoso carballo, que é o que lle dará nome a nosa vila.
5º día: FROITA E ANIMAIS. Marrón. De maneira estrana, colgada dun fío, dende unha rama, unha mazá xa comida… semella ser a mordichada dunha serpe de río.
6º día: LUZ E SOMBRA. Branco e negro. Co amencer, visualízanse seres de luz que xogan ao redor da vida, columpiándose con ela… e así, unha deusa que a observa, cóidaa e ámaa, una avoa-deusa, aínda envolta pola escuridade da noite posuída pola forza feminina da lúa Catalina. A avoa observa e recorda o que ela era.
7º. TRANSFORMACIÓN. Todas as demais cores. Os seres que habitan o bosque constrúen diversos utensilios mediante os materiais que proporciona a terra nai, gracias á forza do bastón de sabedoría que a avoa-deusa atopou no fondo do río. Constrúen pontes coas pedras dos arredores, escaleiras para chegar ás copas das árbores, para alcanzar as casas onde albergarse, fiestras que se abren a novos mundos tecidas con paciencia e poesía.