O lapis do graffiteiro
- Sokram (Sokram )
O mural de Sokram, O lapis do graffiteiro, atópase nun dos laterais do Pazo da Cultura de Carballo. Este mural foi concibido no imaxinario do pintor como unha metáfora ao redor do mundo da creación artística. É unha reflexión sobre o movemento artístico da arte urbana, que pode ser trasladable a outros ámbitos da vida pero que pretende referirse á tendencia actual neste eido artístico, no que algúns creadores tentan facer obras cada vez máis e máis grandes, esquecendo o contido das mesmas. É unha metáfora da carreira pola conquista do cumio máis alto.
Segundo afirma Sokram, a metáfora visual pretende en primeira instancia aludir a este tema, pero a lectura do espectador pode expandirse a moitos outros ámbitos xa que vivimos nun mundo onde a competición, a obsesión polo tamaño e a estética son o pan noso de cada día. O significado final queda aberto á interpretación de cadaquén. “Sabido é: todo depende dos ollos cos que te miren. Na arte urbana tamén”.
Sokram, ao igual que Mou, é desde hai anos un dos organizadores do festival de arte urbana “Desordes Creativas” na localidade veciña de Ordes e coordinadores do “RexeneraFest” de Carballo.