
Historias esquecidas no fondo do mar
- Alita (Alejandra Martínez)
“Esta é unha historia de moitas historias. Historias de lugares que se perderon no esquecemento e que hoxe volven a xurdir; historias de barcos afundidos; de peixes que brillan ao achegarte a eles e viven en harmonía cun neno que deixou de sentirse superior aos animais, de aí que teña paxaros na cabeza…
1- A historia comeza en Carballo, si si, no tronco dunha árbore na que hai un mapa escondido!! Este mapa, só ten unhas coordenadas e un nome que di “Atlàntidä”. No lugar do mapa, ondas ben grandes, fermosas e bohemias bailan ao son do nordés. Cunhas marismas de enerxía especial, fusión de paz e natureza.
2- O neno do pelo enmarañado decidiu levala súa cana para descubrir o fondo mariño mentres as burbullas lle fan cóxegas nos pés.
Proba a sorte das algas, ese xogo, que din, dependendo da alga que te escolla, o teu destino será un ou outro, como todo o mundo sabe.
Ao mellor tocáballe a alga do amor, e alí,no esquecido Atlántico atoparía a alguén que lle daría amor incondicional!
3- Escólleo a alga máis escura de todas. Iso significaba que chegaría moooooi profundo. Adéntrase pouco a pouco, crendo que non conseguirá ver nada!!
O rapaz tiña que atopar o barco máis antigo afundido nestas costas… e mira que foron ben deles!!!
Os vellos din que as ondas teñen semellado lobos. De aí a frase “ESTAR NA BOCA DO LOBO!!” que os mariñeiros empregan os días no que o mar é o fin do mundo.
4- O fondo desta historia é unha espiral sen fin!! Canto máis profundo bucea, máis iluminado está. É moi raro… neste fermoso lugar existe unha enerxía que a xeran os seus propios habitantes coma as medusas purpurinas(especie autóctona) para axudarlle a conseguir a finalidade desta viaxe.
Atopa o ancián máis ancián de toda esta tribo. Irradia SÓ sabedoría e calma. A súa mensaxe di así: “todo está conectado co universo, que disque é un fío de cor azul, dun azul puro, electricamente cristalino”.
Agora só tería que atopar unha saída, ou entrada, dependendo dende onde se mire, e ir cosendo a vida cunha agulla. E pechando unhas portas, para abrir outras.
…é así como esta historia discorre coma un río. Para que cada un lle dea un novo sentido. Para que cada un, co mesmo mapa, consiga atopala súa propia. Para que o mundo volva latexar.
Pumpum-pumpum-pumpum!”
Alita