
Feeling Good
- Samia Singh (Samia Singh)
O mural da artista india Shamia Singh, máis que un mural, foi unha iniciativa construída, literalmente, cos recordos felices das e dos carballeses que llos quixeron transmitir á artista para que deixara pegada deles na parede.
Para a artista india Samia Singh a arte urbana é un instrumento para embelecer a cidade pero tamén un xeito de que os artistas amosen as súas creacións. Ela entende a arte como un medio de interacción do artista coa xente que pasea por diante da súa obra, que pasa pensando nalgo, pero tamén para a xente moza que se pode sentir máis orgullosa da súa vila, ou mesmo para os xubilados que paran, miran e procesan a información da obra que contemplan, como se estivesen lendo un libro, afirma a propia Samia.
Neste sentido, cando estaba pintando este mural a autora creou un blog para recadar a partir del, as lembranzas fermosas das xentes de Carballo, e deste xeito conseguiu un mural con vida propia, que mesmo se ía modificando en función do que as persoas lle ían comentando. Foi un agasallo que a artista india quixo facer á vila de Carballo e aos seus habitantes.
A gran escena na que o can está voando cos nenos é un elemento que fai referencia persoal a un momento da vida de Samia, a adopción dun can da rúa.
Como elementos identificativos da cultura galega que a autora quixo reflexar, destacan a figura do gaiteiro e a paisaxe verde e costeira, paisaxe que a mesma Samia foi observando e coa que se foi familiarizando na súa viaxe en tren ata Galicia.