Milu Correch - Rexenera Fest 2019

Esconxuro contra o amo

Rexenera Fest 2019 – 5ª edición

No ano 2018 Milu Correch tentou facer esta obra, Esconxuro contra o amo, pero naquel entón finalmente non puido realizarse pola negativa dalgún dos propietarios do edificio no que ía pintarse. En 2019 a organización decidiu convidar de novo á artista para poder recuperar a obra para Carballo. Grazas á cesión dun espazo no edificio Fórum Carballo por parte do concello, o mural é unha realidade.

A artista arxentina continúa coa serie de traballos murais que estaba a realizar en 2018 nos que xoga coa idea do esconxuro, representando á muller como bruxa ou curandeira que atopa solucións a problemáticas contemporáneas. Neste caso móstranos a dúas mulleres emprendendo un novo feitizo.

Milu lémbranos a estigmatización da figura da bruxa coa intención de despoxala por fin de toda índole negativa e peiorativa. Ataca a antiga idea das bruxas supostamente posuídas polo demo, ese ente maligno que actuaría como amo e en consecuencia elas como as súas servas. Neste caso o feitizo vai dirixido a esa figura dominante, a ese amo ou demo ao que sacrificarán e co que realizarán un novo rito de liberación coa súa cabeza atada aos seus corpos espidos.

Unha peza moi expresiva na técnica e precisa na pincelada, cun xogo de luces e contrastes que lembra á pintura barroca, aínda que entronca co resto da serie de esconxuros anteriores na súa peculiar paleta desaturada.

Milu Correch - Rexenera Fest 2019
Milu Correch - Rexenera Fest 2019
Milu Correch - Rexenera Fest 2019
Milu Correch - Rexenera Fest 2019
Milu Correch - Rexenera Fest 2019
Milu Correch - Rexenera Fest 2019

TLFNO: 981 702 077     MÓBIL: 698 156 402     MAIL: turismo@carballo.gal

Share This