
Dualidade
- Aryz (Ariz )
Malia súa xuventude, Aryz é unha das figuras máis recoñecidas do eido internacional neste ámbito artístico. É o seu un estilo introspectivo, de grandes figuras e cores pasteis e desaturadas. Quere así que a súa obra non destaque sobre o entorno, que sexa a propia persoa quen saia á procura da obra e non ao revés. A Carballo veu atraído pola posibilidade de pintar tres das paredes dun lateral do Fórum que se miran entre si. Trátase dunha representación que xira ao redor dun concepto concreto: a dualidade do ser, mediante un estilo gráfico que lembra ao ritmo das viñetas da banda deseñada. A obra de impresionantes dimensións, realizada en tan só 10 días durante a primeira edición do Rexenera Fest, conforma un tríptico no que se amosan as loitas internas que cada quen ten que batallar consigo mesmo. A sucesión de imaxes semella transmitirnos esa sensación de certeza de que sexa como sexa, o final está preto… E que máis tarde ou máis cedo todos remataremos por descompoñernos como a última imaxe do tríptico.
Na obra de Aryz predominan as representacións de impresionantes e xigantescas figuras, das que afloran mesturas de profundas emocións, a cabalo entre a crueza e a tenrura, a vida e a morte, temas recorrentes ao longo do seu traballo. O uso das cores pasteis e dunha gama cromática desaturada e intencionada, fai que as súas vibrantes composicións entablen unha relación harmónica co seu entorno, neste caso co edificio do Fórum e tamén cos seus arredores.
A técnica deste artista catalán, unha peculiar mestura entre aerosol, pinceis, rolos e pintura plástica, nace da evolución dende o graffiti aos murais de gran formato, o que fixo que o seu estilo adquirira co tempo un carácter propio e orixinal que se identifica inmediatamente.