Disfraces de pandemia, veciños vixilantes e unha nai solteira
- Franco Fasoli – JAZ (Franco Fasoli)
O arxentino Franco Fasoli creou durante o Rexenera Fest 2021 unha obra moi vencellada á actualidade do momento. O peche colectivo a nivel mundial, atravesounos a todos sen contemplacións, cal machado afiado ou empresa transnacional, a todas as sociedades do mundo, da igual a cor política do governo, o PIB do país, ou o sistema politico imperante. Todas, sufrimos a pandemia dun ou doutro xeito. E durante este período de falta de liberdades houbo multitude de surrealistas acontecementos e diferentes casos de tentativas pra esquivar esa corentena obrigatoria, algúns con moita retranca e inventiva… Todo hai que dicilo. Humanos disfrazados de cans, cans que paseaban ós donos, humanos paseando a humanos, múltiple e paradóxica fauna nunha xungla de asfalto case deserta.
Tamén emerxeu de atrás dalgunhas escuras cortinas un novo corpo de policía, integrado polos propios reféns desta miseria colectiva, aqueles chamados por algúns como polis de balcón… E en paralelo, o resto dos mortais, heroes e heroinas anónimas, que tiveron que erguerse nas dúas patas traseiras pra combater a desgraza do ditoso azar e seguir adiante. Fora como fora. Pra esquivar ao incansabel becho, poñer un prato na mesa pra o teu fillo ou simplesmente saír cada día á rúa pra traballar e mercar o pan.
Franco Fasoli achéganos unha particular visión desta situación que nos tocou vivir, pero dun xeito fabuloso…. Nos dous sentidos da propia palabra, dende un prisma indirecto, narrativo e aberto a múltiples interpretacións e distitnas lecturas. Sen a intención de facernos lembrar o drama, porque probablemente non o farías sen esta explicación que eiquí narramos, mais si coa idea de repensar ou cavilar sobre o ocorrido dende o seu especial linguaxe alegórico e o seu certeiro punto de vista. O mural está situado na rúa Río Miño con Río Sil.