
Bolboretas
- Cristina Castro (Cristina Castro Santiago)
Bolboretas é unha intervención de motivos infantís e estilo naíf. Unha nena xoga con pompas de xabón mentres unhas bolboretas métense nelas. Á volta da esquina, un neno rompe as burbullas e libera ás bolboretas. Segundo a artista, o feito de que as bolboretas se introduzan nas pompas semella un truco de maxia, que é o que pretende o mural, é dicir, proporcionarlle unha pouca maxia a unha vila chea de asfalto e de grises e ladrillos; ao que hai que engadir a sensación de liberdade que transmite o flotar das burbullas e o voar das bolboretas. A autora pintou directamente sobre ladrillo empregando cores planas e fortes.
“O primeiro mural que fixen, Bolboretas, foi toda unha experiencia porque de pasar de formatos pequenos a pintar toda unha parede, foi un reto. Visto agora na distancia retocaría moitas cousas pero quédome cos comentarios positivos da xente do barrio mentres pintaba.”