Alén
- Fabián Lage (Fabián Lage)
A historia da escultura Alén empeza o 30 de decembro de 2015, cando un refacho de vento derrubou un ciprés centenario situado no corazón do Xardín Municipal de Carballo. A árbore estaba moi deteriorada por dentro e os fortes temporais daquel inverno terminaron de tombalo. Pero a madeira desta árbore superouse a si mesma cunha nova vida dentro desta escultura.
O artesán carballés Fabián Lage asumiu a tarefa de reaproveitar e reciclar a madeira do ciprés non só coa creación de Alén, senón tamén co reto de dotar de mobiliario urbano á Praza do Hospital de Carballo. O resultado fala por si mesmo, nun proceso que levou tres anos, 1.800 horas de traballo e 10.000 restos de rama de ciprés só nos bancos, papeleiras e xardineiras. E cunha escultura que vai “máis aló do que os nosos ollos ven” en palabras de Lage. En Alén o autor utilizou produtos de última xeración, tanto no tratamento de conservación e protección da madeira, como na fabricación das réplicas das partes humanas que compoñen a peza, que están feitas a partir de modelos ao natural.
Renacemento vital
A peza escultórica, de gran tamaño, ofrece un variado espectro cromático no que a luz xoga un papel fundamental, tanto para potenciar a intensidade das cores como para percibir ese cúmulo de sensacións que pretende transmitir, xa que segundo a súa posición e dirección ofrece un tornasol cheo de reflexos brillantes que pasan dun negro acibeche a un caoba con reflexos dourados. Así, a falta de luz vólvea dun negro intenso mentres que con luz directa adquire transparencia, descubríndonos reflexos dourados da madeira.
Para Lage “Alén é vida despois da morte, un renacemento que nos permite vivir e convivir con dignidade. Unha necesaria actitude vital que nos incita a buscar espazos de rebeldía e liberación polos que poder fuxir de tantas gaiolas, reais e imaxinarias, que nos manteñen atenazados”.