Adiante xuntos
- Marija Tiurina (Marija Tiurina)
Para crear este mural, a artista lituana sacou do seu surrealista mundo interior esta imaxe pragada de simbolismos cos que namorou á veciñanza e conquistou esta parede da rúa Oriente, no barrio da Lagoa. Esta bonita e dinámica composición, contrapón unha forte proclama á construción do ben común… Coa continua crise de refuxiados que existe no mundo, hoxe en día en particular en Europa debido á guerra en Ucraína, son demasiadas as persoas que se ven obrigadas a fuxir dos seus fogares e teñen que manterse xuntas para sobrevivir e preservar a súa cultura alá onde vaian. Quizais camiñar xuntos baixo un mesmo teito sexa o único camiño para facer de calquer lugar un fogar común.
Antes de chegar a Carballo, a artista traballara con tres posibles bosquexos para o muro, pero ao chegar, a contorna decidiuna. Para ela, a obra plasma a idea de comunidade e cre que o espírito comunitario está moi presente na zona. Durante o proceso creativo adaptou varios detalles para reflectir o sabor local, como o teito da casa, que lembra un pouco ao dos hórreos; a presenza da mazorca de millo; ou mesmo a pataca, que xa estaba no bosquexo, pero que decidiu manter, non só pola tradición de Carballo e Coristanco, senón tamén pola presenza próxima do mural de Yoseba MP no que aparece este tubérculo. Para Marija o seu mural fala “da comunidade que permanece unida. axudándose, movéndose cara adiante unida, pasando unida os tempos difíciles”. “Creo que en cada país hai unha comunidade que se viu obrigada a emigrar e permanecer xuntos é o que fai que sexan poderosos”, termina.