MØU: a presencia galega na sétima edición do Rexenera Fest

Mai 12, 2021 | Arte urbano, Rexenera Fest

O artista de Ordes xa deixou no seu momento a súa pegada en Carballo co mural A orixe, popularmente coñecido como “O buzo”

Como todos os anos, o Rexenera Fest 2021 tamén conta con representación galega, que vén da man de MØU, vello coñecido de Carballo porque xa pintou nas nosas rúas os murais A Orixe 2  (denominado popularmente como “O buzo”) e A Orixe (actualmente desaparecido). Nacido en Ordes (1981) e formado na Escola de Arte Pablo Picasso da Coruña é director xunto con Sokram en Mutante Creativo, un estudo de deseño, arte e comunicación, desde onde desenvolve o seu traballo en ámbitos como o deseño gráfico, a arte mural, a ilustración, a fotografía de reportaxe ou publicitaria, o audiovisual, a creación musical, talleres de grafiti e produción musical.

MØU comeza a pintar desde moi neno, fascinado polo mundo da manga xaponés, o anime e os debuxos animados occidentais. O seu primeiro contacto co grafiti e a arte urbana é arredor do ano 98 e máis adiante, sobre o 2002 aproximadamente, é cando comeza a tomalo máis en serio. Na actualidade realiza proxectos de murais en solitario, pero tamén con Sokram con Mutante Creativo. Constrúe un estilo no que predomina unha paleta de cor reducida e desaturada, creando volume a través de formas planas, todo reforzado cunha liña persistente e limpa.

Polifacético, é membro da banda Dios Ke Te Crew. Xunto con Sokram, é un gran impulsor da escena da arte urbana galega, destacando por ser o co director e comisario en eventos de arte urbana como o DesOrdes Creativas en Ordes, Cromático (Cambre), Contemporánea (Compostela) ou o propio Rexenera Fest de Carballo.

TLFNO: 981 702 077     MÓBIL: 698 156 402     MAIL: turismo@carballo.gal

Share This