Morriña de Hyuro

Nov 26, 2020 | Arte urbano, Rexenera Fest

Lembramos á artista arxentina Tamara Djurovic, recentemente falecida aos 46 anos, a través da súa obra e a pegada que deixou en Carballo

Hai tan só uns días, o 20 de novembro, enterámonos do falecemento de Tamara Djurovic, Hyuro, unha excelente artista arxentina afincada en Valencia da que temos a sorte de contar cun mural en Carballo titulado “Morriña” pintado durante o Rexenera Fest en 2016. Segundo ela mesma relata na súa descrición da obra, a “morriña” é un sentimento de nostalxia que unido a un punto de vista antropolóxico achéganos á cultura como provedora de todo o que non é produto da natureza. No mural, unha muller descansa cuberta por unha manta que segundo Hyuro “representa metaforicamente a cultura e todas aquelas tradicións e costumes que se perden coa evolución dos tempos modernos”.

Agora mesmo nós temos morriña de Hyuro, unha artista que se perdeu e que foi pioneira converténdose nunha das poucas mulleres da escena internacional de muralistas urbanos e sen dúbida una das máis coñecidas dentro deste microcosmos. Ten traballos en Arxentina, Brasil, Estados Unidos, Marrocos, Tunes, Bélxica, Italia ou Nova Zelandia, a maioría deles ligados á figura da muller e de temática feminista. Segundo Isabel Navarro, no seu obituario da revista Conde Nast Traveller, “case todos protagonizados por heroínas anónimas que, desprovistas de identidade, levan o peso da vida e dos coidados sobre elas”.

Un espíritu orixinal

A revista Juxtapoz de San Francisco dedicoulle un emocionado obituario, só dous días despois da súa morte, co titular: “RIP, Hyuro, unha forza pioneira e unha voz poética na arte rueira e contemporánea”. O autor do artigo, o director da revista, Evan Pricco, defínea como “un espírito rebelde, observadora social, filósofa, nai, sempre mordazmente divertida, apaixonada e curiosa, atemporal cando miraba ao futuro. Tamara era unha pintora incrible que sempre se cuestionaba a si mesma da mellor maneira posible (…) Era capaz de diseccionarlo todo até extraer do que observara unha obra de arte crúa, que era á vez unha extensión de si mesma. (…) Hyuro era o espírito máis orixinal que coñecín na arte, e fíxome un escritor e observador máis apaixonado”.

Para nós sempre será aquela artista que na primavera de 2016 e en apenas uns días deixou o seu xenio marcado para sempre no Pazo da Cultura de Carballo, un edificio que alberga teatro, ensino, música, danza e, grazas a Hyuro, unha auténtica obra de arte. Descanse en paz.

Hyuro pintando “Morriña” en el Pazo da Cultura de Carballo

TLFNO: 981 702 077     MÓBIL: 698 156 402     MAIL: turismo@carballo.gal

Share This