Impresionismo con aires de vangarda no Rexenera Fest 2021 con Iván Floro

Mai 27, 2021 | Arte urbano, Rexenera Fest

De clara vocación autodidacta, un dos últimos traballos do artista é a creación da portada e varias ilustracións para o disco de C. Tangana

Presentamos a outro dos artistas que estará en Carballo durante o Rexenera Fest 2021 entre o 3 e o 13 de xuño. Trátase de Iván Floro (1993) -coñecido tamén como Van Vuu– artista e muralista nado en Mataró. Cultivou o debuxo desde pequeno, pero é durante os anos de bacharelato cando Floro empeza a pintar a diario en fábricas e lugares abandonados. Decide non seguir unha formación artística clásica e en 2014 comeza a empregar a pintura ao óleo, que aprende a manexar fixándose na pintura dos grandes mestres a través da pantalla do seu computador. Pouco despois, acode asiduamente a sesións de retrato ao natural xunto a máis amigos pintores da escena contemporánea barcelonesa.

Cun estilo pictórico próximo ao impresionismo, as temáticas tratadas nas súas obras, versátiles e frescas, derivan da súa pertenza á xeración dos 90. Seriedade e ironía mestúranse para captar recordos de infancia ou imaxes do presente tintadas de referencias á contracultura actual.

Colaboración con C. Tangana

Un dos seus últimos proxectos é a creación da portada do último disco de C. Tangana, El Madrileño, así como de ilustracións para varios dos temas deste traballo. Como conseguiu a súa colaboración co popular cantante? Segundo comenta o propio Floro na revista Condé Nast Traveller: “A colaboración xurdiu dunha admiración mutua con el e co seu equipo”. Sobre o resultado final, o artista engade: “Puidemos facer un equilibrio entre o que eles buscaban e o que eu busco como obra persoal. A partir do que ía saír nos videoclips fomos concretando o traballo”. En total ten ilustrado tres temas do disco: Comerte Entera, Tú me Dejaste de Querer e Demasiadas Mujeres.

Ademais, tamén se prodiga noutro tipo de proxectos, destacando a súa participación nas exposicións colectivas Creença (2018, Berga, Barcelona), Tapia (2019, Barcelona) e Homeless (2019, Miami, Estados Unidos) comisariadas por Axel Void, así como a exposición Eros en la pintura de hoy  (2020) no Museo Europeo de Arte Moderno (MEAM) de Barcelona. Os seus muros poden atoparse por todo o territorio español así como en Estados Unidos, Italia ou Exipto.

Detalle da portada do disco de C. Tangana, El Madrileño

TLFNO: 981 702 077     MÓBIL: 698 156 402     MAIL: turismo@carballo.gal

Share This