Derrubando muros viaxa a Grecia, Italia, Bulgaria, Francia e Letonia

Mar 4, 2019 | Derrubando muros con pintura, Rexenera Fest

Grazas ao programa Erasmus + no que participa un centro de ensino carballés, fotos dos nosos murais están percorrendo Europa

O proxecto de arte urbana de Carballo derruba muros, pero tamén derruba fronteiras. Non só porque numerosos artistas internacionais chegados de lugares como a India, Xapón ou Arxentina teñen deixado a súa pegada na nosa vila; senón tamén, nestes días, grazas a nenas e nenos que non teñen máis de 11 anos e que están levando os nosos muros por toda Europa.

Alumnas e alumnos de 3º e 5º de Primaria do CEIP Bergantiños están percorrendo as rúas de Carballo para fotografar as nosas obras de arte urbana. Acompañados dos seus profesores e coa axuda das visitas guiadas dispoñibles e dos códigos QR que achegan toda a información de cada mural, aprenden sobre arte e fotografía no marco do programa internacional Erasmus +. E a través deste mesmo programa, esas fotos viaxarán a Grecia, Italia, Bulgaria, Francia e Letonia para ser compartidas con profesores e alumnado doutros colexios, compañeiros de andaina do Bergantiños carballés neste programa europeo.

O Erasmus + fomenta a cooperación internacional inter centros e tamén, neste caso, o uso das novas tecnoloxías, a adquisición de pensamento crítico, de coñecementos sobre arte e fotografía e a aplicación de todo o aprendido polos alumnos nos seus traballos e actividades cotiás nas aulas. E, sobre todo, a posta en común de todo iso entre os centros dos seis países participantes. Ademais, cinco nenos e nenas viaxarán no mes de maio a Francia, acompañados de varios profesores, para compartir en persoa as súas experiencias co proxecto.

Derrubando fronteiras!

TLFNO: 981 702 077     MÓBIL: 698 156 402     MAIL: turismo@carballo.gal

Share This