Derrubando muros, de xira

Feb 18, 2019 | Derrubando muros con pintura, Rexenera Fest

A arte urbana de Carballo estivo de xira! A fin de semana do 15 ao 17 de febreiro estivemos a promocionar o noso museo ao aire libre en MIMOC, a II Mostra Internacional do Mundo do Ocio que tivo lugar en Expocoruña. Neste caso, levamos información e material sobre o proxecto de arte urbana Derrubando muros con pintura e sobre o Rexenera Fest grazas á Deputación da Coruña que nos deixou espazo na súa caseta. Alí puidemos dar a coñecer o noso proxecto, os nosos murais e todas as actividades que se poden facer ao redor deles.

Ademais de repartir información durante toda a fin de semana, dous dos artistas que xa deixaron a súa pegada en Carballo realizaron demostracións ao vivo do seu traballo, deixando que os visitantes puidesen ver de primeira man o proceso de creación dunha obra de arte urbana. Foron Sokram e Nana que en distintos días deixaron un pequeno retrinco do seu traballo. O primeiro, en Carballo xa ten O lapis do graffiteiro; e a segunda conta con dúas obras: Ofelia e A eira das meigas.

MIMOC é unha feira que acolle durante tres días todas as actividades e novidades do mundo do lecer nun ambiente lúdico e divertido. Food trucks, talleres, charlas, actividades deportivas, actuacións musicais e propostas artísticas son só algunhas das cousas que se poden atopar na feira, que ata agora ten celebrado dúas edicións.

 

TLFNO: 981 702 077     MÓBIL: 698 156 402     MAIL: turismo@carballo.gal

Share This