Carballo e Francia, unidos pola arte urbana
Derrubando muros con pintura inspira un proxecto de street art no que participa L’Isle Jourdain, concello co que Carballo está irmandado
O proxecto de arte urbana de Carballo Derrubando muros con pintura ten servido de inspiración para que unha asociación cultural da Gascuña francesa poña en marcha un proxecto de arte urbana no que están implicadas seis localidades. A conexión foi unha desas seis vilas, L’Isle Jourdain, cidade coa que Carballo leva máis de 25 anos de irmanamento social e cultural. “A iniciativa de Carballo foi un trampolín”, asegura Marie Delpeyroux, presidenta do comité de irmanamento en L’Isle, xa que os intercambios culturais habituais con Carballo permitíronlles descubrir a arte urbana do noso concello e mesmo participar na elaboración dun mural conmemorativo.
Este primeiro proxecto en terras francesas, que termina no mes de setembro de 2020, consiste nunha serie de residencias artísticas cun formato similar ao festival Rexenera Fest, de varios días de duración e ao longo das cales se fomenta a interacción entre artistas e público, aínda que, como tamén ocorreu este ano en Carballo, a crise sanitaria obrigou a suspender algunhas das actividades paralelas que estaban programadas.
Natureza, animais e figuración
L’Isle Jourdain é o concello máis implicado no proxecto, xa que ao longo do mes de xullo acolleu tres residencias artísticas que permitiron “derrubar” varios muros con pintura. Comezaron SupaKitch & Koralie, unha parella que enche as súas obras de natureza, moitas veces vexetais de formas xeométricas, elegantes e poéticas. Despois pasaron por L’Isle a pintora Virginie Loze, de Toulouse, que adoita crear un mundo de personaxes estraños que revelan a fraxilidade do ser humano, e Pedro, un artista de Nantes que reflicte ao ser humano a través de figuras animais, a modo de fábula pictórica.
O proxecto global titúlase “Itinerarios artísticos en Pays Portes de Gascogne”, unha iniciativa da asociación cultural Portes de Gascogne na que están implicadas diferentes administracións e que culminará coa creación dunha ruta de arte urbana que unirá as localidades de Beaupuy, Castillon-Savès, Clermont Savès, Pujaudran, Ségoufielle e L’Isle Jourdain. Ao mesmo tempo, esta experiencia trata de promover unha mobilidade alternativa, e neste sentido destaca a posta en marcha dun servizo de aluguer de bicicletas eléctricas en L’Isle Jourdain para poder desprazarse dunha vila a outra.