Santi Picos
Santiago Picos Díaz
Tooltip Text España (Carballo)
A formación artística de Santi Picos, que xa debuxaba desde ben cativo, comezou cedo, asistindo a clases de debuxo artístico na Casa da Xuventude de Carballlo. En 1996 recibiu o Terceiro Premio do Certame de Artes Plásticas, a nivel galego, á idade de 11 anos.
Nunca deixou de lado o debuxo, e rematado o Bacharelato de Humanidades, realizou o Ciclo Superior de Ilustración na Escola de Arte Pablo Picasso (A Coruña). Ten experiencia en exposicións tanto individuais coma colectivas, e ten asistido a cursos e obradoiros coma complemento e ampliación dos seus coñecementos artísticos.
Según manifesta Santi, para el a formación e a aprendizaxe forman parte dun proceso constante e prolongado, polo que o que ata agora coñece sobre as técnicas, os soportes das obras, as etapas históricas que deron lugar aos diferentes movementos artísticos… son unha parte moi pequena do que lle gustaría chegar a coñecer.
Nos debuxos deste xoven artista carballés, a lapis de grafito sempre, hai unha forte carga surrealista (“case todo o que debuxo está relacionado co universo dos soños e busco unha linguaxe visual onírica. Gústanme outras técnicas coma a acuarela, o acrílico, óleo, gouache, tinta, sanguina…,pero definiríame de xeito máis cómodo coma un debuxante surrealista”).
Como influencias artísticas e literarias nas súas propias obras pódense atopar a Urbano Lugrís, principalmente, a Salvador Dalí, Hyeronimous Bosch, Varó Uranga, Durero, Goya, Yves Tanguy, Velázquez (non en canto a estilo, pero si en canto á atmósfera que a súa obra transmite), Kris Verwimp, Frazetta, Chirico, Luís Seoane… e tamén a Sigmund Freud, Friedrich Niezche, Ciorán, K. Gibrán, H.P. Lovecraft, Edgar A. Poe, Aristóteles, Platón, Soren Kierkegaard, Schopenhauer, Unamuno, Alberti, Lorca, Anxel Fole, Blanco-Amor, Álvaro Cunqueiro…