Pixel Pancho
Marco Bertolli

Tooltip Text Italia (Turín)
Este artista italiano é, a día de hoxe, un dos artistas urbanos máis populares e activos da escena italiana a nivel internacional, con grandes murais esparexidos por numerosas cidades de Europa, Estados Unidos e México. A súa formación en Belas Artes comezouna en Italia para logo rematar os seus estudos en Valencia (España), aínda que a súa paixón pola arte venlle de neno a través do seu avó, pintor aficionado, quen lle ensinou todo o que sabía sobre as cores, as formas e o sentido da arte.
O seu traballo (murais, pinturas e esculturas) constitúe unha estrutura de historias interconectadas que teñen como fío condutor un mundo surrealista habitado por robots en descomposición. Os seus humanizados corpos de aceiro e cobre, cheos de analoxías físicas e xestuais, énchense de ferruxe e caen repetidamente no bucle do esquecemento. A través de referencias históricas e contemporáneas, as súas composicións adquiren sentido metafórico que nos teletransportan ao noso espazo -tempo. Co obxectivo de conseguir transmitir unha sensación de imaxe antiga, Pixel acostuma empregar cores terrosas.
Participou no Rexenera Fest de 2015, creando o que se coñece popularmente como “mural dos porcos” na rúa Gran Vía, 67.