Emi de las Heras

Emi de las Heras

Foto Emi de las Heras

Tooltip Text España (Carballo)

Emi de las Heras é unha pintora galega, nada en Carballo, licenciada en Belas Artes e Historia da Arte e amplía a súa formación co Doutorado, A cidade dos espellos, pola Universidade de Vigo e o Curso de Aptitude Pedagóxica en Educación Plástica e Visual.
Introdúcese no campo artístico co proxecto de arte urbano, Caldarte (Caldas de Reis) realizando unha instalación. Ademais das súas exposición individuais, participa en diferentes colectivas como a do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Sen embargo, o seu traballo en grupo máis importante é co grupo Creafomas que dende a súa creación en Carballo, no 2008 ata a actualidade, vén realizando exposicións en distintos puntos da xeografía e actividades culturais como Arte na Rúa ou Mercarte, e participando en eventos como O Festiletras do Couto.
No campo da ilustración, os seus traballos máis salientables son para os libros Átonos e Contra-acción de Rosalía Fernández, e Contos de taberna no que ilustrou un poema de Paco Souto.
No audiovisual, traballou en curtametraxes e nunha serie no Departamento de Arte. Estas experiencias lévana a realizar parte da decoración para o Festival de Teatro de Carballo (FIOT) durante dous anos.
Cabelo e Ornamento, a serie pictórica que máis a define, ten como eixo a inesgotable simboloxía da cabeleira feminina, da que existen múltiples representacións plásticas e literarias ao longo da Historia da Arte. Dende o fervor das perrucas de María Antonieta ata a importancia nas culturas orientais da cabeleira, configura unha serie entre o debuxo e a pintura, onde un “horror vacui” ornamental inunda a imaxe.
En pintura mural, participa no proxecto Derrubando muros con pintura dende o 2013, no que realiza Saltimbanquis, In Ictu Oculi e O Sistema. Outros traballos murais destacables son os que realiza para a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda para conmemorar o centenario das Irmandades da Fala, ou os que crea con nenos e nenas como Tempo de lecer e Extraterrestresno CEIP Fogar de Carballo. Nestes últimos destaca a importancia da arte na infancia e como é un importantísimo recurso didáctico.
Compaxina o seu traballo artístico coa actividade docente en Escolas de Arte de Galicia.
Contacto: emidelasheras@hotmail.com/Facebook: Emi de las Heras

TLFNO: 981 702 077     MÓBIL: 698 156 402     MAIL: turismo@carballo.gal

Share This