Bailando na lúa
Nerea Rama Pereiro
Tooltip Text España (Carballo)
Nerea Rama Pereiro (1999) naceu en Xenebra, pero é unha carballesa que actualmente está a estudar o Grao de Belas Artes na Universidade de Vigo. Compaxina os seus estudos coa dirección de diversos proxectos persoais, todos eles vinculados especialmente á pintura e ao debuxo, así como tamén á fotografía e ao vídeo. Coñecida como Bailando na lúa, o seu interese pola arte aparece no seu día a día xa desde nena, chegando a pintar os seus primeiros lenzos con tan só 9 anos. Isto fixo crecer nela un interese especial por coñecer e estudar novas técnicas plásticas coas que poder transmitir todo aquilo que lle bailaba no seu pensamento. Co paso do tempo irase embarcando en proxectos máis grandes, creando lenzos de maior tamaño, o que fai espertar nela un gran interese pola arte urbana; concretamente, polo muralismo.
A súa facilidade para dominar os pinceis, os lapis e as cores fai que se desenvolva con gran soltura á hora de tratar calquera tema. Entre eles, destacan a liberdade, os soños e mesmo unha realidade propia que constrúe a base de sentimentos, inquietudes e recordos que a artista ten presente no seu día a día. Co obxectivo de transmitir cada unha destas sensacións, asocia cores a todos os instantes especiais e reflicte a esencia máis pura de a imaxinación a través de cada trazo. No verán de 2021 foi convidada a pintar no proxecto Derrubando Muros con Pintura – Edición Verán na Ludoteca Municipal.
Aquí tedes as súas respostas ao noso «Derrubando test» para coñecela un pouco mellor:
- Lugar favorito: Razo
- Comida favorita: pasta carbonara
- Unha cor: amarelo
- Unha palabra: efémero
- Un sentimento: gratitude
- Artista favorito/a: Frida Kahlo
- Mural de Carballo favorito: Máscara negra nos baños termais – Marina Capdevila
- Unha técnica artística: pintura
- En 10 anos estarei… cumprindo soños viaxando polo mundo adiante