Arte por unha boa causa

Feb 17, 2021 | Arte urbano, Rexenera Fest

PichiAvo e Lula Goce, artistas que deixaron en Carballo espectaculares murais, únense en Nova York para loitar contra a trata e a explotación infantil

A arte, ademais de ser unha forma de expresión da beleza, pode ter múltiples propósitos relacionados cos sentimentos, coa vida, coa sociedade que nos rodea… E PichiAvo (Pichi (1977) e Avo (1985)) e Lula Goce, artistas que deixaron en Carballo murais espectaculares, aproveitaron a súa pericia para loitar por unha boa causa. E fano nin máis nin menos que en Nova York, colaborando con persoas tan coñecidas como as actrices Mira Sorvino ou Ashley Judd, ou con gañadores do premio Nobel da Paz ou do Pulitzer como Kailash Satyarthi ou Nicholas Kristof.

A iniciativa forma parte dunha campaña de Street Art for Mankind creada con motivo do Ano Internacional das Nacións Unidas para a Eliminación do Traballo Infantil e que leva por título #FreeChildren (“Liberade á infancia”). Tanto PichiAvo como Lula Goce crearon imaxes que están repartidas en 100 marquesiñas por toda a cidade de Nova York e que, con distintos lemas, pretenden dar a coñecer a situación e inspirar ás persoas para que axuden a erradicar este problema.

Imaxes

A obra creada por PichiAvo titúlase “Educación de Eros” co lema “Your caring parent, their exploiting master” (“O teu proxenitor cariñoso, o seu xefe explotador”), mentres que a creada por Lula Goce ten o lema “Your make-up, their choking dirt” (“A túa maquillaxe, a súa sucidade asfixiante”).  Os valencianos e a galega colaboran con outros sete artistas no proxecto: Ador (Francia), Adry del Rocio (México), Cristian Blanxer (España), JDL (Holanda), Loic Ercolessi (Francia), Mister Thoms (Italia) e Victor Ash (Dinamarca).

Desde Carballo, estamos encantados de que artistas que teñen pasado por aquí e que nos teñen deixado as súas marabillosas obras colaboren entre si e cunha campaña tan necesaria como esta. Infórmate sobre a iniciativa e colabora coa arte por unha boa causa! #FreeChildren

Obra de Lula Goce para a campaña

TLFNO: 981 702 077     MÓBIL: 698 156 402     MAIL: turismo@carballo.gal

Share This