Aires de China para o Rexenera Fest con SATR
O Rexenera Fest, festival de arte urbana de Carballo, consegue por primeira vez traer a unha artista chegada de Asia. Aínda que en Carballo xa hai pegadas asiáticas en dous murais realizados por creadoras da India e de Xapón, nunca viñera no marco do festival alguén chegado dese continente para realizar unha obra de gran formato. Neste caso, a participación vén desde China, concretamente desde a provincia de Guangzhou, coa artista SATR.
Esta creadora realiza as súas obras utilizando diferentes tipos de ideas e inspiracións ao redor das súas propias experiencias vitais. Estas ideas reflícteas nas súas obras principalmente a través de animais, dotándoos dunha forza e dun gran simbolismo. A través da súa gama cromática reducida e cunha pincelada vigorosa, crea unha tensión e movemento conseguindo captar rapidamente a atención do público.
SATR tamén se caracteriza pola súa orixinal técnica. Emprega o spray con boquillas moi anchas para realizar unhas pintadas en degradado dunha forma moi particular. Tanto é así que a creadora chinesa ofrecerá unha masterclass dirixida a artistas e grafitteros para ensinar a súa particular maneira de crear. A participación é totalmente gratuíta. Aquí tendes os datos:
- DATAS: sábado 1 e domingo 2 de xuño.
- HORARIOS: De 17.30 a 21.30 h.
- LUGAR: por definir.
- PRAZAS LIMITADAS: só 10 plazas.
Unha escusa máis para vir ao Rexenera Fest, que terá lugar en Carballo do 27 de maio ao 9 de xuño. Estades convidados!
_______________________________
Máis info en http://satr-art.com/
