A arxentina Milu Correch volve por segundo ano ao Rexenera Fest

Derrubando muros con pintura, Rexenera Fest

Milu Correch naceu, vive e probablemente morrerá en Bos Aires, Arxentina. Xa estivo no Rexenera Fest 2018, pero naquel entón, por motivos alleos á organización, tivo que cambiar sobre a marcha o deseño do seu mural. Aínda que pintou unha obra espectacular, este ano volve para poder pintar noutro muro o deseño orixinal.

Filla dun pintor afeccionado e dunha profesora de literatura, percorreu Europa (Lisboa, Belgrado, Perpiñán…) realizando intervencións en diferentes espazos urbanos cos seus traballos. Pero tamén segue realizando murais en Bos Aires. No seu tempo de lecer le, anda en bicicleta e tamén lle gusta o mundo das tatuaxes.  As obras de Correch están en Arxentina, pero tamén por toda Europa e por España, como cunha especial Dulcinea en Quintanar de la Orden.

Milu actuará por segundo ano consecutivo en Carballo, onde xa pintou o mural “Conxuro para unha estabilidade”

Non é moi amiga das entrevistas e tampouco pretende que a sitúen dentro dunha ou outra corrente artística, aínda que é considerada unha da expoñentes da arte urbano porteño. Tenta fuxir do mercantilismo e do sensacionalismo do street art. Cando lle preguntan de que van as súas obras responde que da “ambigüidade”, ou “do que queiras”, deixando liberdade interpretativa ao espectador.

A finais de 2017 a web holandesa Street Art Today escolleu unha das súas obras como un do sete mellores murais do mundo do mes de novembro, o que catapultou a repercusión do seu traballo. Nos últimos tempos está realizando unha serie de murais sobre bruxas… Precisamente en 2018 deixou a dúas desas meigas no seu mural titulado “Conxuro para unha estabilidade”. Este ano outras dúas mulleres serán as protagonistas.

___________________

Máis info: https://www.milucorrech.com

TLFNO: 981 702 077     MÓBIL: 698 156 402     MAIL: turismo@carballo.gal

Share This