A arte urbana de Carballo convértese en obra de teatro

Out 8, 2020 | Arte urbano, Derrubando muros con pintura

Os murais e o festival de teatro da cidade únense este ano a través dunha obra na que os nosos grafitis constitúen a escenografía da peza

Arte e teatro van da man este outono en Carballo grazas á unión entre Derrubando Muros con Pintura e o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) que se celebra cada ano na localidade e polo que en 2019 pasaron 16.000 persoas. Este ano variou o formato por mor da pandemia, pero segue coa vontade de prestar atención ás propostas de vangarda como esta peza, titulada A lúa, válvula de sprayna que os murais de Carballo convértense na escenografía da obra e na que os espectadores camiñan pola rúa para irse atopando coa maxia do teatro.

A peza é unha ficción sonora que se arrisca coa investigación escénica para crear teatro de vangarda, ligado aos grafitis, pero tamén á rúa, á arte, á interpretación… Conxuga as artes escénicas co espazo urbano e explora novos formatos e as posibilidades que ofrecen as ferramentas tecnolóxicas grazas á colaboración de o LIDISS (Laboratorio de Investigación en Innovación Social e Cultural Sustentable), que coproduce a obra xunto co FIOT. Para poder gozala, hai que reservar entrada por Whatsapp no número 604 008 235, descargar a aplicación Carballo a un paso (dispoñible xa en Google Play e proximamente no Apple Store) e acudir á hora da sesión (os horarios poden consultarse aquí: https://fiot.gal/programa/a-lua-valvula-de-spray/)

A autora: unha escritora e artista de Carballo

A proposta está dirixida por Quico Cadaval, con espazo sonoro de Marcos PTT Carballido, está interpretada por Melania Cruz, Santi Romay e Maria Roja e a autora é a carballesa Rosalía Fernández Rial, unha escritora multidisciplinar que resume a proposta en dez palabras: “Arte, hip hop, danza urbana, rúas, amor, asfalto, cidade, amizade, traizón, ficción”. Na obra hai tres personaxes Leo, María e Sara, que teñen unha relación entre eles. Segundo Fernández-Rial é “amorosa e conflitiva ao mesmo tempo. Un triángulo que se produce entre este tres personaxes e que vai dar lugar a certos cambios e misterios que só se poderán saber se vén a percorrer a peza”.

A autora resalta tamén que “para o espectador ou espectadora isto vai ser unha experiencia nova e diferente, porque dalgunha maneira vai estar percorrendo a propia escenografía, que van ser as rúas e os murais de Carballo”. Irá acompañado sempre por unha aplicación móbil, “co cal levará en realidade aos actores e ás actrices, aos personaxes, no seu propio peto”.

Nas imaxes poden verse algúns dos murais que constitúen a escenografía da obra:

Esconxuro contra o amo – Milu Correch

Trasherpillar – Bordalo II

Vergoña (“Vergüenza”) – Sekone

Sen título – Pichiavo

Morriña (“Nostalgia”) – Hyuro

Sen título – SATR

Fronte ao océano – Millo

Tribu humana – Jorit

O silencio no medio da tormenta  – Isaac Mahow

FICHA:

Autora: Rosalía Fernández Rial
Dirección teatral: Quico Cadaval
Espazo sonoro: Marcos PTT Carballido
Intérpretes: Melania Cruz, Santi Romay, Maria Roja. Coas voces de Marcos PTT Carballido e Rosalía Fernández Rial.

+info en www.fiot.gal 

 

TLFNO: 981 702 077     MÓBIL: 698 156 402     MAIL: turismo@carballo.gal

Share This