100 murais para Carballo despois do Rexenera Fest 2022
A localidade gañou cinco novas obras de arte para as súas paredes e volveu converterse durante 12 días na capital galega da arte urbana
Nun lapso de tempo de nove anos, en Carballo creáronse un total de 97 murais de arte urbana. Os últimos cinco, durante a celebración do Rexenera Fest 2022, que nesta edición post pandemia recuperou citas tradicionais como o concerto de peche , os obradoiros sen restricións ou a convivencia aínda máis próxima entre veciñanza e artistas.
Entre o xoves 2 e o luns 13 de xuño Carballo respirou pintura, con ao redor de 400 persoas implicadas no festival, incluíndo a participación nas rutas guiadas (con 368 visitantes entre particulares e centros escolares), a celebración do taller de tapices con la da man dunha das artistas convidadas, ou no xogo de pistas para familias e a ruta do tesouro «Buscando ouro». E estas cifras non inclúen a gran cantidade de persoas que se achegaron estes días a falar cos artistas, a percorrer os murais pola súa conta e a observar o traballo nos guindastres, xa que son imposibles de contabilizar, pero si que se sentiron nas rúas carballesas.
Este ano foron cinco os artistas que deixaron a súa pegada nas paredes, chegados de lugares como Países Baixos e Lituania; tamén de España desde Cataluña ou País Vasco; e, como xa é tradicional, con presenza de artistas galegos. Desde a organización do festival valoramos moito o traballo de todas e todos eles, que ten un altísimo nivel.
Aquí vos deixamos s a listaxe coa localización das cinco novas obras:
- Daan Botlek (Países Baixos) Rúa Gravador Manuel Facal, 9. «No lado contrario». Daan Botlek ten a dificil capacidade de facer confluír dintintos conceptos nunha soa imaxe, dando lugar a un constructo gráfico orixinal que xera unha nova idea. A filosofía do Ying Yang cre nun universo no que cada situación ten o seu oposto. Ambas as forzas xéranse e consúmense mutuamente, pero isto non é un desequilibrio senon parte do proceso vital. A forza do movemento do Discóbolo xunto á quietude reflexiva do Pensador conflúen nun perfecto e acedo equilibrio que consegue a execución precisa dun novo truco, dentro da mesma onda pero visto desde o lado contrario…
- Udatxo (País Vasco) Rúa Coruña, 3. «Pan de onte». O mural que Udatxo nos regalou este ano está emprazado en pleno centro neurálxico de Carballo. Cada semana, este lugar da villa énchese de vida e trasfega coa celebración da feira semanal. Comerciantes de toda a comarca venden os seus produtos estrela: verduras, hortalizas, froitas, queixos, peixe, e como non… pan. O famoso pan artesán de Carballo, principal alimento da dieta galega e esencial sustento alimentario universal. Son moitos os veciños e veciñas que aínda lembran ao bo de Marcelino, un dos panadeiros máis coñecidos da comarca. Naquela época, cando a fame axexaba e os recursos non eran demasiados, contan os máis maiores que Marcelino cocía pan e repartíao…. Taménentre aos que non podían pagalo…
- Alba Fabre (Cataluña) Avenida da Milagrosa, 23. «A sandía de Joe ». Alba Fabre está afeita a construír poéticas narrativas desde un punto de vista aberto e non concluínte. A súa obra, situada na Avenida da Milagrosa, introdúcenos na intimidade dunha parella anónima, nun momento de unión no que se rumorean veladamente distintas ideas que deconstrúen certos roles da arte clásica e traéndoos á nosa contemporaneidade. A fraxilidade, a vulnerabilidade e a sensibilidade masculina contraponse á fortaleza e enteireza da figura feminina, mentres os seus corpos se fusionan conformando unha imaxe delicada e potente baixo unha pincelada rápida e precisa.
- Twee Muizen (Galicia) Rúa Gran Vía, 87. «Trueiro». Como extraída do seu particular mundo onírico e desde esa constante tendencia a mostrar a relación entre ser humano e natureza, os Twee Muizen conquístannos unha vez máis con esta dinámica composición na que o personaxe principal parece tentar atrapar co a súa rede, unha sorte de liberdade , quizais perdida nestes últimos dous anos de incerteza continuada.
- Marija Tiurina (Lituania) Rúa Oriente, 7. «Adiante xuntos». A artista lituana extraeu do seu surrealista mundo interior esta bonita e dinámica composición infestada de simbolismos coa que namorou ao barrio no que se sitúa. Coa continua crise de refuxiados que existe no mundo, hoxe en día en particular debido á guerra de Ucraína, son demasiadas as persoas que se ven obrigadas a fuxir dos seus fogares e teñen que manterse xuntas para sobrevivir e preservar a súa cultura alá onde vaian. Quizais camiñar xuntos baixo un mesmo teito sexa o único camiño para facer de calquera lugar un fogar común.
Aínda que o festival conta co seu especial e intensivo programa de rutas guiadas, durante todo o ano quen queira pode descubrir os murais por diferentes medios. Concertando visitas a través do departamento de Turismo (só é necesario xuntar un grupo de persoas e encher un formulario); ou pola súa conta, xa que os murais están sinalizados en Google Maps para que calquera os visite cando queira . Cada obra conta con paneis con códigos QR con información e mesmo hai rutas personalizadas. Toda a info está clicando AQUÍ.